Inicio

 

18-03-2014 GALISENIOR 2014 impulsará a prevención da dependencia 

  • >> O 9º Salón Galego das Persoas Maiores terá lugar en Expourense os días 14 e 15 de maio 

Santiago, 18/03/2014.- Exercer de punto de encontro entre todos os axentes sociais galegos vencellados co sector do maior para impulsar medidas de prevención e de detección precoz da dependencia. Este será o principal obxectivo marcado durante a primeira reunión do comité asesor de GALISENIOR, celebrada esta mañá en Santiago de Compostela.

Nesta xuntanza participaron o presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, José Carlos Millán Calenti, as subdirectoras xerais de Promoción da Autonomía Persoal e Familia da Xunta de Galicia, Carmen Orgeira e Silvia Cortiñas, respectivamente, así coma o xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, Xosé Selas, o responsable de Centros socioasistenciais da Fundación Novacaixagalicia, Juan José Castro Domínguez, o coordinador das Aulas de Maiores do Campus de Ourense, Alberto Vaquero e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, entre outras entidades que promoven a súa labor coas persoas maiores como é o caso da Cruz Vermella, o Colexio de Educadores Sociais de Galicia, ou SECOT- Seniors para a Cooperación Técnica.

A 9ª edición do Salón Galego das Persoas Maiores, cita de carácter bienal, celebrarase en Expourense os días 14 e 15 de maio. É a única feira destas características que se celebra no noroeste peninsular e que está especialmente dirixida a un núcleo de poboación que representa o 25% da demografia galega, ás súas familias e aos profesionais que traballan neste sector. Este salón servirá de plataforma para promover as accións que se están a levar a cabo en Galicia, destinadas a reducir o impacto da dependencia na calidade de vida, tanto de quen a padece como do que exerce de coidador. 

Os membros do comité asesor perfilaron ademais o programa de Xornadas Técnicas profesionais na que se abordarán aspectos como as novas tecnoloxías aplicadas ás necesidades dos maiores, e outros diversos campos de investigación que diferentes grupos de traballo están a realizar por exemplo desde a Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía ou desde a Universidade de A Coruña (intervencións no campo do deterioro cognitivo, atividade física en centros sociosanitarios, estímulos sensoriais nas persoas que presentan demencia avanzada). 

Por outra banda, os obradoiros que terán lugar en GALISENIOR estarán orientados a potenciar hábitos de vida saudables e o uso de novas tecnoloxías entre os propios maiores que visitarán o salón durante os dous días dun xeito activo.









Imágenes asociadas

Tódolos dereitos reservados Aviso legal - 2018 - info_galisenior@galisenior.es