A Consellería de Traballo e Benestar está a colaborar coa Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga) para a celebración o próximo 4 de abril da xornada "Ticsenior 2014" que terá lugar en Santiago, no Centro de Novas Tecnoloxías, e que ten como obxectivo principal acercar o uso das novas tecnoloxías ao colectivo dos maiores para unha maior integración no seu entorno próximo e incluso global, así como a promoción do voluntariado do maior como un dos elementos principais do envellecemento activo.
Para a organización desta iniciativa, a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, vén de asinar un convenio de colaboración co director xeral da Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga).
O evento vai dirixido principalmente a profesores e investigadores das tres universidades galegas; a planificadores de programas de "Universidade para Senior"; profesionais das administracións públicas relacionados con servizos asistenciais a maiores; empresas TIC que desenvolven produtos e aplicacións orientados a maiores; e profesionais en xeral relacionados coa asistencia a este colectivo, incluídos servizos financeiros, asociacións de directivos empresariais e colectivos senior culturais e de voluntariado.
Os obxectivos específicos do evento son catro fundamentalmente: contribuír ao coñecemento sobre necesidades e estado actual da situación en Galicia en relación ao uso das TIC no colectivo das persoas maiores; construír en Galicia un foro permanente de "Envellecemento Activo"; crear foros sectoriais multidisciplinares en ámbitos tecnolóxicos e de empresas dispostos a abordar proxectos de innovación; e, por último, establecer a base dun futuro congreso internacional con sede en Galicia, que constitúa un punto de referencia a nivel global e, en especial europeo, de innovación orientada ao desenvolvemento de produtos e solucións de envellecemento activo e mellora da calidade de vida dos maiores.
Esta iniciativa enmárcase na Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia, horizonte 2020, que recolle 400 propostas ou medidas para previr a dependencia. O que pretende está actuación da Consellería de Traballo e Benestar é impulsar programas que manteñan en activo ás persoas, que lles permitan permanecer no seu entorno e que fomenten a participación dos maiores, así como as súas relacións sociais a través de programas de ocio, entre outras medidas.
Fonte: www.xunta.es