Inicio

 

08-07-2014 Constituída a Axencia Galega de Servizos Sociais

  • Este organismo unificará todos os recursos humanos e materiais da Xunta no campo social, e aglutinará a 300 centros e máis de 4.500 traballadores

A Xunta constituíu a Axencia Galega de Servizos Sociais e o seu Consello Reitor, un ente que aglutinará, ao concluír todo o proceso de integración, un total de 300 centros e máis de 4.200 traballadores. Converterase, polo tanto, na axencia máis grande e complexa de todas as que dependen da Administración autonómica, tanto polo número de centros co que contará, coma pola disparidade de servizos que se prestarán. O novo ente unificará, polo tanto, a maior parte dos recursos dos que dispón o Goberno galego para prestar os servizos sociais.  

conselleira de Traballo e BenestarBeatriz Mato, presidiu en Santiago a constitución deste organismo que, segundo afirmou, se converterá "nunha excelente ferramenta" para a eficiencia e a optimización dos servizos públicos de benestar de Galicia. Coa constitución da Axencia estase a dar cumprimento ao previsto naLei de Servizos Sociais de 2008 e culmínase un longo e complexo proceso iniciado en xullo de 2010 coa aprobación por parte da Asemblea do Consorcio da súa integración na axencia.

O titular de Benestar explicou que as principais vantaxes serán evitar duplicidades a través da xestión integral de todos os recursos de benestar; agrupar todos os servizos sociais baixo os mesmos criterios de calidade; dar continuidade á liña de racionalización acometida dende a Administración autonómica; e, por último, incrementar a especialización dos servizos sociais. Neste sentido, Mato matizou que a axencia avanzará da man das novas carteiras de servizos sociais (dependencia, persoas autónomas, inclusión, familia e infancia), que tamén apostan pola especialización, ofrecendo novos servizos e máis acomodados as súas verdadeiras necesidades.

A integración dos centros e recursos na axencia farase de forma progresiva e gradual para non afectar nin á súa xestión nin aos usuarios. Así, tras o acto da súa constitución e do seu Conselo Reitor, o seguinte paso será a posta en funcionamento efectiva da Axencia, que terá lugar nun prazo máximo de tres meses, tal e como recolle o Decreto de creación, publicado no DOG o pasado 4 de abril. Nese primeiro momento, integraranse no novo ente as 27 escolas infantís que na actualidade dependen da Dirección Xeral de Familia e Inclusión. Posteriormente, irá asumindo o resto de centros do Consorcio.

En 2015, tal e como sinalou Mato, todas as escolas infantís e centros do Consorcio deberían estar integrados na Axencia e, cando isto suceda, procederase, entón, á extinción do Consorcio. O último paso será a integración no novo ente do resto de servizos sociais dependentes da Consellería, que se realizará de xeito paulatino, dada a dimensión de recursos materiais e humanos.

Colaboración cos concellos

Mato afirmou que este proceso se fará en colaboración directa cos concellos, que seguirán tendo "un papel fundamental" na prestación dos servizos sociais en Galicia. Deste modo, expuxo que as administracións locais participarán na nova axencia a través de dous mecanismos básicos.
Por unha parte, a través da firma de convenios de colaboración coa propia Axencia. Deste modo, o grao de implicación dos municipios virá determinado pola súa propia decisión e os concellos que así o desexen poderán seguir participando dentro deste organismo na xestión dos centros actualmente integrados no Consorcio.

Por outro lado, o Consello Reitor da axencia, que é o órgano superior de Goberno do ente, contará con cinco representantes municipais, a proposta da Fegamp. Pola súa banda, a Administración autonómica contará con once representantes. "Isto quere dicir que os concellos van ter unha representación moi importante no órgano de Goberno da Axencia e, polo tanto, van ter voz e voto nas súas decisións", apuntou a conselleira.
En definitiva, Mato indicou que esta nova estrutura contará "cos mellores profesionais" e, grazas a unha organización máis racional, ofrecerá "máis e mellores servizos aos cidadáns".



Imágenes asociadas

Tódolos dereitos reservados Aviso legal - 2018 - info_galisenior@galisenior.es