A Asociación de Fibromialxia, Fatiga Crónica e sensibilidade química Múltiple de Ourense, AFFOU, participará en calidade de expositor na feira de Galisenior, Salón internacional das Persoas Maiores, que se celebrará en Expourense entre o 9 e o 10 de maio de 2018.
A representante desta asociación, María Añel Charanga, ultimou os detalles da súa participación na feira co director de Expourense, Alejandro Rubín.
Esta asociación é unha entidade sen ánimo de lucro creada no 2003 co obxectivo de dar resposta ás necesidades daquelas persoas afectadas por Fibromialxia, buscando dar visibilidade e información acerca desta enfermidade e facilitar o trato a aqueles que a padecen. Actualmente a asociación conta con 90 socios. A través dos seus profesionais, afectados tamén pola enfermidade, AFFOU ofrece servizos e actividades orientados á satisfacción das necesidades e expectativas dos seus asociados para mellorar o seu estado psico-social, sempre comprometidos cunha mellora continua.
Así mesmo, a asocación na feira encargarase de continuar difundindo información para lidar co descoñecemento desta enfermidade, buscando sensibilizar á poboación xeral sobre as patoloxías que a ocupan.
Máis información: https://www.facebook.com/affou.ourense/about?lst=100006575585139%3A100003748851721%3A1521018601