Inicio

 

04-04-2018 Primeira reunión do comité asesor de Galisenior 2018

  • >> Expertos en distintos ámbitos reuníronse hoxe para perfilar o programa de actividades do 11º Salón Internacional das Persoas Maiores 

    >> As xornadas técnicas para profesionais analizarán as necesidades dunha sociedade na que a maior parte dos coidadores de dependentes son persoas maiores

Ourense, 04/04/2018.- Afrontar as necesidades dunha sociedade na que a meirande parte dos coidadores de dependentes son persoas maiores e propoñer accións e solucións para mellorar este contexto. Este será un dos principais eixos temáticos da 11ª edición de Galisenior, Salón Internacional das Persoas Maiores, que se celebrará en Expourense o días 9 e 10 de maio. Este obxectivo vense sumar aos das últimas edicións desta cita que son promover o envellecemento activo e a detección precoz da dependencia.

Para perfilar as actividades que van ter lugar en Galisenior 2018 reuniuse esta mañá en Expourense o comité organizador do salón. Unha ducia de expertos propuxeron os temas que se van abordar neste punto de encontro para os maiores, as súas familias e os profesionais do sector. Participaron nesta reunión, entre outros, a técnica de Servicios Sociais do Concello de Ourense, María José Valeiras; o director da Área de Benestar da Deputación Provincial de Ourense, José Juan Cerdeira; o coordinador do Programa Universitario de Maiores no Campus de Ourense, Alberto Vaquero, e o codirector da Cátedra Cruz Vermella Nacional da USC e representante do Instituto Xerontolóxico Galego, José Manuel Mayán. Tamén asistiron a esta reunión representantes do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia; da SECOT (Seniors Españois para a Cooperación Técnica); de empresas do sector como Caser Residencial e de entidades como Cruz Vermella Ourense, ATEGAL Ourense (Aulas da Terceira Idade), Asociación Diabética Auria ou a Federación Galega de Asociacións de Familiares de Enfermos de Alzheimer.

Como é habitual Galisenior xirará sobre tres eixos: as xornadas técnicas dirixidas aos profesionais, ás actividades dirixidas aos maiores e a área expositiva onde participarán entidades e empresas para presentar produtos e servizos especializados. 

Durante a primeira reunión deste comité perfiláronse os temas sobre os que versarán as xornadas técnicas profesionais e que estarán divididos en dous bloques. O primeiro deles será o xa mencionado sobre as persoas dependentes ao cargo de maiores e incluirá tamén outros aspectos como o empobrecemento das pesoas maiores, a calidade asistencial ou a prevención e tratamento do alzheimer, O segundo bloque de conferencias estará orientado a fomentar o envellecemento activo presentando experiencias como as que poden achegar os membros da SECOT nas que seniors apoian a emprendedores. Estas xornadas tamén recollerán testemuños vivenciais sobre cómo viven as persoas maiores nos casos nos que supoñen o principal sustento económico dunha familia ou que son os principais coidadores dos netos.

Entre as actividades dirixidas aos maiores, Galisenior 2018 ofrecerá un circuíto sensorial cognitivo organizado pola Cruz Vermella ou clases e obradoiros de cachibol ou pilates. Pola súa parte, a Asociación Diabética Auria organizará actividades orientadas a controlar e previr a diabetes.

Galisenior é a única feira destas características que se celebra no noroeste peninsular e que está especialmente dirixida a un núcleo de poboación que representa o 25% da demografia galega, ás súas familias e aos profesionais que traballan neste sector. 





Imágenes asociadas

Tódolos dereitos reservados Aviso legal - 2018 - info_galisenior@galisenior.es