Ourense, 09/05/2018.- Galisenior 2018 abriu esta mañá as portas da súa 11 edición en Expourense promovendo a vellez como unha etapa máis da vida e reivindicando o papel activo dos maiores na sociedade entendéndoo como un capital humano que hai que aproveitar e como unha oportunidade para a cohesión social. O 25% da sociedade galega conta con máis de 65 anos, polo que a denominada “terceira idade” convértese no foco de atención dos distintos axentes sociais, públicos e privados, involucrados na atención ás persoas maiores como son as distintas administracións, diferentes empresas do sector, a Universidade, colexios profesionais e numerosas asociacións e federacións de toda Galicia. Todos eles conflúen nesta cita para promover un envellecemento activo, saudable e autónomo e para presentar as ferramentas necesarios para intentar previr a dependencia.
Galisenior 2018 foi inaugurado esta mañá nun acto no que participaron o alcalde de Ourense e vicepresidente de Expourense, Jesús Vázquez; a secretaria da delegación territorial da Xunta, Silvia Dorado; o vicepresidente da Deputación provincial de Ourense, Rosendo Fernández; o coordinador das Aulas de Maiores do Campus de Ourense-Universidade de Vigo e presidente do comité asesor desta edición da feira, Alberto Vaquero; e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín. Durante as súas intervencións incidiron na necesidade de facilitar as ferramentas e servizos necesarios para que a vellez sexa un momento pleno das nosas vidas e libre de dependencia. En definitiva, engadir vida aos anos e non simplemente anos á vida.
Este salón sirve de plataforma para promover as accións que se están a levar a cabo en Galicia, destinadas a reducir o impacto da dependencia na calidade de vida, tanto de quen a padece como do que exerce de coidador. Para isto, Galisenior ofrece un completo programa de actividades dirixidas aos propios maiores e tamén, a través das xornadas técnicas, aos profesionais do sector sociosanitario. Estas actividades compleméntanse cunha superficie expositiva onde 45 expositores están a ofrecer produtos e servizos dirixidos a aumentar a calidade de vida e o benestar dos maiores.
As institucións representadas nesta edición (IMSERSO; Deputación de Ourense, Xunta de Galicia e Concello de Ourense) están a aproveitar a súa presenza en Galisenior para dar a coñecer as políticas sociais que están a poñer en marcha e para promocionar todos aqueles servizos dos que poden beneficiarse os maiores e as súas familias. A Deputación Provincial de Ourense presenta os seus programas de Termalismo Social e o de teleasistencia sen listas de espera. Pola súa parte, a Dirección Xeral para Maiores e Persoas Dependentes tamén ofrece información sobre o Programa de Benestar en Balnearios e o seu programa de Teleasistencia domiciliaria, entre outros. Pola súa parte, o Concello de Ourense promove aquelas actividades dirixidas aos maiores animándoas a realizalas ao longo de todo o ano.
No referente ás empresas expositoras pódense atopar produtos e servizos novidosos que contribúen a aumentar a autonomía e o benestar dos maiores. Cóntanse entre os expositores con residencias xeriátricas ou centros de día prestan un servizo integral aos maiores e que ademais de atención socio-sanitaria, prestan servizos complementarios como psicoloxía, terapia ocupacional ou animación sociocultural. Tamén hai empresas que ofrecen un apoio integral aos coidadores ofrecendo información sobre dependencia e coidados e sobre os trámites para acceder ás distintas axudas á dependencia existentes.
Para aquelas persoas que teñan problemas de mobilidade, nesta cita poden atoparse empresas especializadas en scooters, cadeiras de rodas, ramplas de aluminio ou andadores. Neste senso tamén se conta con equipamentos ortopédicos, sistemas de descanso e mobiliario adaptado.
Galisenior conta con empresas especializadas na axuda a domicilio que ofrecen servizos innovadores aos seus clientes especializados como facerlle e levarlle a compra semanal á casa sen que isto supoña ningún custo adicional ou empresas ás que acudir cando se necesita calquera tipo de axuda, dende un electricista ata compañía para dar un paseo ó aire libre.
As terapias naturais e novidosos tratamento de beleza e estética son outros dos sectores presentes nesta edición na que se poden coñecer de primeira man os beneficios para a saúde do aloe vera ou probar in situ unha masaxe circulatoria para pernas cansas, xa que algunhas das empresas expositoras realizarán demostracións en vivo de reflexoterapia podal ou depilación definitiva.
Galisenior está a ser tamén o espazo elixido por distintas asociacións de patoloxías que adoitan afectar as persoas maiores para axudar a resolver as dúbidas das persoas que as padecen ou das súas familias. Así, participan nesta edición a Federación Galega de Asociacións de Enfermos de Alzheimer, a Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica de Ourense, a Asociación de Parkinson de Pontevedra, a Asociación Diabética Auria ou a Asociación para a Loita contra as Enfermidades do Ril.
Pero Galisenior é sobre todo un foro para demostrar que as persoas maiores cumpren un rol imprescindible na sociedade. Por este motivo, están presentes diferentes asociación e colectivos de xubilados e pensionistas que movilizarán aos seus asociados para participar activamente no programa de actividades do salón.
Distintos colexios oficiais de profesións vencelladas coa asistencia social e prensa especializada completan a listaxe de expositores desta edición.
XORNADAS TÉCNICAS PROFESIONAIS
As xornadas técnicas de Galisenior convértense un ano máis no punto de encontro para os profesionais dos sectores sociosanitario e xerontolóxico de Galicia e do Norte de Portugal e tamén para os coidadores de maiores e dependentes. Un total de 40 expertos abordan dende distintas perspectivas a situación actual dos maiores na nosa comunidade, contando coa participación de distinos colexios profesionais.
Estas xornadas abríonse cunha conferencia sobre o alzhéimer a cargo de FAGAL e continuou con dúas ponencias nas que varias empresas falaron da calidade asistencial na atención socio-sanitaria en Galicia.
Na sesión de tarde desta xornada falouse de terapia asistida con cans, da importancia do coidado dos pés en eprsoas con daiabetes e dos cambios na mente e na fala que pode traer consigo certas enfermidades neurodexenerativas. Rematou coa presentación de casos prácticos de atención sociosanitaria presentados polos alumnos de Escola Superior de Tecnologia e Gestao de Lamego (Portugal).
ACTIVIDADES PARA MAIORES
As actividades dirixidas aos maiores e tamén ás súas familias de Galisenior 2018 promoven un envellecemento activo, saudable e autónomo a través do exercizo físico, estimulación da memoria ou traballos manuais. O programa desta edición inclúe máis de 50 actividades orientadas á estimulación do corpo e da mente.
Entre as actividades celebradas nesta primeira xornada destacou a exhibición de baile realizada polos distintos centros sociocomunitarios da Xunta de Galicia na provincia. Centos de usuarios de Ourense, Xinzo de Limia, Maceda, Petín, Pontepelamios, Verín, Ribadavia e O Carballiño, compartiron en Galisenior unha xornada de baile e lecer na que demostraron que a idade non se mide en anos.
Galisenior permite practicar ximnasia, exercicios hipopresivos, coreografías, baile, cachibol, ioga e relaxación, tai-chi ou pilates. Dentro das actividades relacionadas coa estimulación cognitiva, os visitantes poden practicar animación á lectura, exercicios de memoria, pintura con témperas, traballos manuais ou participar nas actividades de ludoterapia interxeracional e de xogos tradicionais.
Mañá xoves continuará a feira de 10.00 a 13.30 h. e de 16.00 a 19.30 h. Tanto a entrada á feira como a participación nas actividades son gratuitas.