A Xunta de Goberno extraordinaria da Deputación de Ourense aprobou no día 1 de abril, na súa reunión telemática, presidida por Manuel Baltar, destinar un orzamento de 300.000 euros destinado a asociacións e entidades do ámbito social da provincia de Ourense, dentro da estratexia que está a levar a cabo o goberno provincial para facer fronte á crise do coronavirus (Covid-19). O obxectivo destas axudas é potenciar as actividades relacionadas coa atención urxente ou as que estean relacionadas ou derivadas da crise sanitaria do Covid-19, dada a excepcional situación e os prexuízos que está a ocasionar e as situacións de risco nas persoas socialmente máis vulnerables, quen precisa dunha resposta rápida e adecuada por parte das institucións en forma de medidas paliativas dos efectos negativos desta crise.
Neste sentido, a Deputación de Ourense considera especialmente necesaria a colaboración coas entidades privadas sen ánimo de lucro dedicadas á asistencia social na nosa provincia. Estas entidades están directamente en contacto coas persoas afectadas e dispoñen xa de redes de atención ás persoas especialmente vulnerables, así como de mecanismos áxiles de resposta dinámica fronte ás demandas de asistencia social que se van presentando.
Desde hai anos, a Deputación de Ourense mantén unha convocatoria de subvencións mediante concorrencia competitiva para entidades sen ánimo de lucro que presten servizos sociais, e para este exercicio de 2020 prevese unha partida de 300.000 euros; de feito, no momento en que o Goberno decretou o estado de alarma, a proposta xa estaba elaborada pola área de Benestar, pendente de ser sometida a fiscalización previa de Intervención para a súa posterior aprobación pola Xunta de Goberno da Deputación.
Ante a evolución dos acontecementos determinouse realizar unha reformulación do programa de subvencións a entidades que prestan servizos sociais, considerando que o procedemento de concorrencia competitiva non resulta adecuado para o cumprimento da finalidade pretendida, dado que este procedemento –incluso realizándose por vía de urxencia- esixiría unha tramitación mínima estimada de mes e medio ou dous meses, o que supoñería unha dilación inaceptable neste contexto de crise. #Ante iso, estímase que poderán concederse de forma directa as subvencións nas que se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario, e outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública.
Ademais, desde o punto de vista material, considerouse que as actividades subvencionables deberían redefinirse, no sentido de conceder as axudas unicamente para actividades de asistencia social relacionadas coa crise sanitaria do Covid-19, excluíndo en cambio actividades de asistencia social ordinaria que historicamente viñan sendo subvencionadas pola Deputación pero que, no momento actual, ou ben non son executables ou ben teñen un carácter secundario fronte ás accións urxentes esixidas polas circunstancias provocadas pola pandemia. Igualmente, considerouse a necesidade de flexibilizar o réxime de pago das subvencións, posibilitando o seu pago anticipado, co fin de garantir a liquidez necesaria ás entidades beneficiarias.
As entidades beneficiarias determináronse entre as que percibiron subvención a través do concurso de axudas para servizos sociais do últimos tres exercicios, seleccionándose aquelas de as que se ten coñecemento que prestan os servizos definidos en actividades de asistencia social relacionadas coa crise sanitaria do Covid-19, cun total de 18 entidades. En todos os casos trátase de entidades arraigadas na provincia de Ourense, cunha probada eficacia na execución de proxectos de servizos sociais.
Neste sentido, a Xunta de Goberno adoptou hoxe o seguinte acordo: aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións directas a entidades sen ánimo de lucro para atender problemáticas sociais relacionadas coa pandemia do Civid-19, entendendo como persoas especialmente vulnerables: as que estean en risco de exclusión social; as que padezan patoloxías que as fagan particularmente vulnerables ao Covid-19 -como persoas inmunodeprimidas, enfermos de cancro, diabetes ou patoloxías respiratorias, entre outras-, e persoas maiores de 65 anos ou dependentes.
Serán subvencionables os gastos de prestación de servizos de asistencias no fogar a persoas especialmente vulnerables ao Covid-19; os servizos a domicilio de subministración de alimentos, bebidas, medicinas ou outros bens de primeira necesidade a persoas especialmente vulnerables ao Covid-19; e a asistencia social a estas persoas a través de casas de acollida ou servizos análogos.
As entidades beneficiarias das axudas e contías son as seguintes:
FUNDACIÓN JUAN SOÑADOR
ASOCIACIÓN ESPAÑOLA CONTRA O CANCRO OURENSE
SOCIEDAD DE SAN VICENTE DE PAUL DE ESPAÑA
FUNDACIÓN RENAL ÍÑIGO ALVAREZ DE TOLEDO
ALCER OURENSE
ASOCIACIÓN DE VIUDAS MARÍA ANDREA
ASOCIACIÓN DE PERSONAS SORDAS DE OURENSE
ATOX
CENTRO DE DESENVOLVEMENTO RURAL " O VISO"
CENTRO DE DESENVOLVEMENTO RURAL PORTAS ABERTAS
ASOCIACIÓN FAMILIARES ENFERMOS DE ALZHEIMER OURENSE. AFAOR
ASOCIACIÓN BANCO DE ALIMENTOS DE OURENSE
ASOCIACIÓN DIABÉTICA AURIA
ASOCIACIÓN DE ENFERMOS DE CROHN E COLITE ULCEROSA
ASOCIACIÓN REDMADRE OURENSE
FUNDACIÓN DE SOLIDARIEDADE AMARANTA
CRUZ VERMELLA OURENSE
CÁRITAS DIOCESANA DE OURENSE