Inicio

 

23-05-2012 Máis de 80 actividades para promover un envellecemento activo e saudable, en Galisenior

  • >> O 8º Salón Galego das Persoas Maiores prevé milleiros de visitas procedentes de toda Galicia

    >> Un total de 35 relatores participarán nas Xornadas Técnicas Profesionais que abordarán, como novidade, a defensa do maior e os seus dereitos

    >> O salón contará cunha Bolsa de Emprego que recolle as demandas de traballadores das empresas expositoras
Ourense, 23/05/2012.- Abordar o envellecemento de forma activa e saudable, fomentar a autonomía persoal dos maiores, e promover unha imaxe positiva da vellez nunha sociedade interxeneracional. Estes son os principais obxectivos de GALISENIOR, Salón Galego das Persoas Maiores,  que chegará a súa oitava edición en Expourense os días 25 e 26 de maio deste 2012, denominado Ano Europeo do Envellecemento Activo e a Solidariedade Interxeneracional.

GALISENIOR 2012 foi presentado esta mañá en Expourense nun acto ó que asistiron o delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez, a concelleira de Benestar Social de Ourense, Margarita Martín, o xerente de Fomento de Servizos Sociosanitarios, Alberto López, o director comercial de Geriatros, Jacobo Rubín, a directora do Centro de Maiores de Ourense da Obra Social de Novacaixagalicia, Carmen Bonet, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín,

Trátase da única feira destas características que se celebra no noroeste peninsular e que está especialmente dirixida ás persoas maiores, ás súas familias e aos profesionais que traballan neste sector. Ten o obxectivo de conceptualizar a vellez como unha etapa máis da vida participando na sociedade, a través de todo tipo de actividades e da aprendizaxe, coa colaboración das institucións públicas e privadas. Xirará sobre tres eixos principais: a propia feira, as xornadas técnicas profesionais e o programa de actividades para público xeral, que nesta ocasión se extenden a toda a cidade, xa que se celebrarán varias andainas que conectarán as áreas termais da cidade co recinto de Expourense.


A FEIRA

      Participarán en Galisenior un total de 55 expositores, o 97% dos cales proceden de Galicia. Institucións como o Concello de Ourense, através da Concellería de Benestar Social, aproveitarán a súa presenza no salón para dar a coñecer as políticas sociais que están a poñer en marcha e para comunicarlle ós maiores todos aqueles servizos dos que poden beneficiarse. Outras entidades como  a Obra Social Novacaixagalicia ou empresas como Fomento de Servizos Sociosanitarios ou Geriatros, entre outras, organizarán distintas actividades ó tempo que contarán cun stand dende o que presentar os produtos e servizos asistenciais orientados a mellorar a calidade de vida dos maiores. 

A empresa ten un papel moi importante neste salón que acollerá dende provedores de produtos destinados a facerlle máis doada a vida cotiá ó maior ou que organizan actividades de lecer dirixidas á teceira idade, ata medios de comunicación especializados neste eido. Tamén terán presenza asociacións e colectivos de maiores de toda Galicia que contarán cun stand no que presentar as actividades que realizan ó longo do ano e que promoverán a participación dos seus asociados no programa de actividades do salón.

BOLSA DE EMPREGO

Unha das novidades desta edición será a posta en marcha dunha “Bolsa de Emprego” que ten o obxectivo de poñer en contacto as ofertas de postos de traballo das empresas expositoras cos currículums dos demandantes de emprego. A “Bolsa de Emprego” disporá dun espazo no salón dende onde se difundirán as ofertas e onde se recepcionarán os curriculums dos demandantes de emprego no sector xerontolóxico ou sociosanitario. Tamén contará cun área destinada a realizar as entrevistas de traballo. 

Esta acción, promovida pola Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Xunta de Galicia, débese ó feito de que a atención aos maiores é un sector que segue demandando profesionais, sobre todo tendo en conta que o 22,4% dos galegos teñen máis de 65 anos, unha cifra que medra ata o 28,4% no caso da provincia de Ourense. As solicitudes de traballadores recollidas por esta Bolsa inclúen dende persoal sanitario (médicos, fisioterapeutas ou enfermeiros) ata profesións vencellada coa atención social (educadores, traballadores sociais, animadores, etc.) pasando por persoal de mantemento e limpeza.

XORNADAS TÉCNICAS PROFESIONAIS

Galisenior ten previsto celebrar de forma complementaria ao salón unha nova edición das Xornadas Técnicas que estarán dirixidas a todos os profesionais do sector e a estudantes universitarios e que servirán para orientar a todo o colectivo de profesionais que traballa neste ámbito, converténdose unha vez máis nun espazo de convivencia entre usuarios, empresas e institucións. Partiparán un total de 35 relatores procedentes de distintos sectores que achegarán unha perspectiva multidisciplinar e transversal sobre a problemática que máis preocupa ás persoas maiores

Unha das novidades desta edición será a mesa de debate sobre a defensa do maior e os seus dereitos, que serán analizados dende distintas perspectivas (a legal, a da administración e a dos propios maiores) e nela participarán o Fiscal Xefe da Audiencia Provincial de Ourense, Florentino Delgado Ayuso, o Subdirector Xeral de Dependencia da Xunta de Galicia e o presidente de COGAMA, a Confederación Galega de Organización de Maiores, José Piñeiro Bernárdez.

Estas xornadas incluirán, sendo outra das novidades, un seminario sobre a aplicación das novas tecnoloxías á estimulación da cognición que analizará o proceso que vai dende o deterioro cognitivo ata a demencia. Presentaranse as últimas innovacións e proxectos vencellados ó sector do maior levados a cabo en Galicia e abordaranse aspectos como o envellecemento activo, a adopción de hábitos de vida saudables ou a participación social, entre outras. Estas xornadas teñen concedidos créditos de libre configuración e de ECTS na UNED e están solicitados nas Universidades de Santiago e Vigo. Ademais, están avaladas polo Grupo de Investigación en Xerontoloxía da Universidade de A Coruña. Entregarase diploma acreditativo.

Estas xornadas serán o marco elixido para a presentación do 54º Congreso da Sociedade Española de Xerontoloxía e Xeriatría e o 24º Congreso da Sociedade Galega que se celebrarán en Santiago entre o 6 e o 8 de xuño baixo o lema “un camiño cara un novo envellecemento”. Este encontro reunirá a máis de 2.000 especialistas do sector de toda Europa.


ACTIVIDADES PARA MAIORES

Na Área de participación, Galisenior presenta toda unha oferta, con 83 actividades diferentes, que convida a participar a quen o visite. O programa está orientado a fomentar a adopción de hábitos saudables e preventivos, así como a introducir aos visitantes en novas fórmulas de lecer ou formalos sobre novas tecnoloxías.
Estas actividades e obradoiros están centrados nas principais afeccións dos maiores de Galicia como poden ser o baile, a risoterapia, as actividades deportivas ou os traballos manuais. A principal novidade desta edición será a organización de varias andainas que percorrerán a cidades, dende as áreas termais ata Expourense e viceversa. Os paseos conxugaranse con obradoiros de pilates, Tai-Chi, aerobic con coreografía e exhibicións de baile, entre outras actividades. Tamén se celebrará un mesa redonda sobre prevención no contorno do maior na que participarán representantes de Tráfico, Bombeiros e Policía Nacional.

 Galisenior ofrécelles ademais a posibilidade de achegarse ás novas tecnoloxías e de compartir tempo e espazo con outras xeracións e é este neste eido onde se atopa unha das novidades máis salientables de Galisenior 2012. Os maiores crearán un blog no que relaten a súa experiencia no salón e participarán nun maratón de fotografía dixital no que inmortalizarán aqueles aspectos e actividades da feira que máis lle chamen a atención. Tamén terán a oportunidade de compartir xogos e karaoke na Wii con visitantes doutras xeracións.

Varias das entidades integradas no Comité organizador do salón (Xunta de Galicia, Concello de Ourense, Obra Social de Novacaixagalicia e Geriatros) van mobilizar aos usuarios dos servizos que prestan, como é o caso dos centros sociocomunitarios da provincia de Ourense, ata Galisenior para que poidan gozar dunha xornada de diversión, coñecemento e intercambio de experiencias.

Os visitantes que se acheguen ata Galisenior en tren poderán beneficiarse de descontos do 30% en todas as liñas de RENFE (AVANT incluído), para iso é preciso descargar o bono dispoñible na web do salón www.galisenior.es 

O horario da feira será venres e sábado de 11.00 a 14.00 h. e de 16.00 a 20.00 h. Tanto a entrada á feira como a participación nas actividades para maiores son gratuítas.


As xornadas técnicas de Galisenior 2012 están cofinanciadas polo IGAPE.

No seguinte link, pódese acceder ás iniciativas e programas do Igape:

http://www.igape.es/





Imágenes asociadas

Tódolos dereitos reservados Aviso legal - 2018 - info_galisenior@galisenior.es