Inicio

 

16-04-2014 España podería converterse no país da UE con máis octoxenarios

  • O noso país volve perder poboación polo regreso dos inmigrantes e a saída dos españois pola crise. Pero tamén pola súa baixa natalidade

Hai máis de un século e medio que Augusto Comte afirmou que a demografía é o destino. Un destino desigual que combina excesos en moitos países en desenvolvemento, con escasezas preocupantes nas nosas sociedades. Esta é a situación de España onde tras un período en que a acción combinada da inmigración e o seu impacto favorable sobre a natalidade nos permitiu superar a cifra mítica de 40 millóns e chegar aos 47, para entrar agora nunha fase de crecemento negativo. No primeiro semestre de 2013, perdemos case 120.000 habitantes, unha cifra que intensifica o descenso iniciado o ano anterior. Crecer pouco non é bo, pero decrecer supón ademais dunha ruptura de tendencia, a inclusión de España no reducido grupo de países que non son capaces de renovar as súas propia poboación.

A fecundidade española sitúase en 1,32 fillos por muller

Durante os primeiros seis meses do 2013, aínda tivemos un crecemento vexetativo (diferencia entre nados e falecidos) favorable, aínda que moi pequeno. A razón fundamental desa diferenza  é a sistemática caída da natalidade a partir do 2009. Un reflexo da crise? Sen dúbida, esta xogou un papel non desprezable, pero o descenso ten outros compoñentes. Ante todo a diminución do número de mulleres en idade fértil como consecuencia da chegada ás idades habituais de ser nais das milleres nadas nunha etapa anterior da caída da natalidade. A iso engádese a diminución da fecundidade, que hoxe se sitúa en 1,32 fillos por muller, lonxe do valor de 2,1 esixible para manter as xeracións. Ademais, as nais teñen os seus fillos a idades cada vez máis tardías o que significa, ao final, menos fillos.

Involución demográfica

Os anos nos que hoxe se concentra a cifra máis alta de alumeamentos son os 32-34 e unha quinta parte das nais dan a luz por enriba dos 35. A todo iso hai que engadir que as nais estranxeiras, ao ser menos, tiveron menos fillos e que a súa fecundidade tamén baixou. Na natalidade española todo se está a producir con escaseza e demora. A familia dun só fillo fíxose modal, malia que o número «desexado» polas nais siga sendo dous. E a esa escasa marxe que deixa o balance natural, hai que engadir o saldo, claramente negativo, que teñen as migracións. No primeiro semestre do 2013 foi de 125.000 persoas, tanto estranxeiros que retornan aos seus países, coma españois que volveron facer as maletas do éxodo. Así pois, a baixa natalidade e a nova emigración conducíronnos polo camiño, nada recomendable, da involución demográfica.

Seremos menos e seremos máis vellos

E o futuro? Ese futuro a curto prazo que debuxa a recente proxección do INE para o ano 2023. O primeiro feito a destacar é que seguiremos perdendo poboación (haberá 2,6 millóns menos nos próximos 10 anos). A natalidade continuará caendo e a mortalidade aumentará polo envellecemento ata tal punto que no 2017 as mortes excederán aos nacementos. En canto ás migracións, se as previsións do INE se cumpren, España perderá 2,5 millóns. En poucos anos nin creceremos polo saldo natural, nin por un balance migratorio favorable. Seremos menos, pero sobre todo seremos máis vellos, debido ao imparable proceso de envellecemento.

En 2023 haberá en España case 10 millóns de maiores de 64 anos, 1,8 millóns de octoxenarios, e case 25.000 centenarios. Envellecer é positivo e facelo ben unha posibilidade. Pero o envellecemento demográfico non é un fenómeno neutro. En xogo están o pagamento das pensións, o dos gastos sanitarios e o da dependencia. E neste panorama de escasezas, ningunha Comunidade Autónoma (salvo Canarias) se vai librar do declive. En 10 das 17 o volume de falecementos superará ao de nacementos e en 16 (coa excepción de Canarias outra vez), haberá un saldo migratorio negativo. E todas por suposto, estarán envellecidas.

A maioría dos españois desexa ter dous fillos

O panorama descrito non é certamente moi optimista, pero será unha realidade inevitable se se manteñen as tendencias demográficas actuais. Cabe esperar un panorama diferente? Os demógrafos non teñen unha bóla de cristal para escrutar o futuro, nin unha vara máxica para moldealo ao seu antollo, pero non fallan moito nas súas previsións. Non obstante, algúns dos prognósticos enunciados son máis seguros, e outros máis incertos. Non van diminuír as defuncións, nin vanse modificar moito as cifras do envellecemento, entre outras cousas porque os maiores que haberá dentro de 10 anos hai tempo que naceron. Pola contra, si podería mellorar algo a natalidade nun proceso de achegamento dos fillos que nacen (1,3) aos desexados (2). E se o panorama económico escampa, podería volver investirse o signo das migracións con novos estranxeiros que cheguen e o retorno dos españois que agora saen.

FONTE: ABC



Tódolos dereitos reservados Aviso legal - 2018 - info_galisenior@galisenior.es