Inicio

 

02-06-2014 Máis do 19% dos ourensáns maiores de 65 anos viven sós

  • Cáritas urxe programas de envellecemento activo, especialmente no medio rural, onde o illamento é preocupante

A poboación de Ourense con idades de 65 ou máis anos alcanzan nestes momentos un 29,6 por cento do total (96.317 persoas) e a previsión é a de ascender ao 32,5 por cento no ano 2023 (ao final, 95.750 persoas), segundo as previsións do Instituto Nacional de Estatística. Deles, ata 18.750 maiores (o 19,3% do total) viven sós na cidade ou nos 91 concellos da provincia restantes. E aí é onde comeza o problema, na soidade, pero sobre todo no xeito de afrontala, cun risco elevado de encamiñarse cara ao illamento. Por iso, a importancia que médicos, administracións e organizacións que traballan coas persoas maiores lle dan ao termo xa consolidado de "envellecemento activo".


Mari Carmen Alonso e Óscar Diéguez, coordinadores de Programas de Cáritas, insisten na importancia deste termo e subliñan unha diferenza territorial: "É fundamental no rural, onde os pobos están cada vez máis envellecidos e os seus habitantes cada vez máis illados, intervir con programas para, dalgún xeito, forzar os encontros entre as persoas, que só se ven habitualmente nos funerais. Comprobamos que a sensación de benestar e o concepto da saúde mellora moito nas persoas que participan nos programas como o que temos en Cáritas na zona de Calvos de RandínBaltar e Muíños, con 81 participantes".

Dende Cáritas resaltan que no caso das persoas maiores que viven soas na cidade ou vilas grandes, o problema maior moitas veces é a cuestión económica e ter cubertas as súas necesidades básicas. "Estes espazos ofrecen moitas máis opcións de relacións e de entretemento, aínda que logo algúns non os utilicen", aseguran.

E cando esa é a elección, moitos rematan "consumíndose lentamente fronte a un televisor", explica Mari Carmen Alonso. Pero aínda a pesar da soidade, porque a familia está lonxe, porque non haxa boa relación ou ben porque simplemente son persoas que están soas, todas prefiren manterse no seu propio fogar.

A soidade tamén ten xénero. A maioría dos maiores que viven sós son mulleres, motivado sobre todo, pola maior esperanza de vida. Os estudos tamén indican que "o nivel educativo e cultural e o tipo de vida que tivesen é vital á hora dunha vellez activa".

Máis vida social

O problema da soidade afecta, segundo os expertos, cada vez máis a toda a sociedade, non só ás persoas maiores. Vivimos nunha sociedade cada vez máis individualizada,donde as tarefas que antes se facían en grupo agora fanse en solitario", sinala Alonso. Por iso, a actividade e manter unha vida social activa é fundamental para evitar a sensación de illamento.

Segundo declarou en máis dunha ocasión o psiquiatra Alexandre García Cabaleiro, o exercicio físico, unha dieta san, o control do estrés ou unha vida social activa son factores determinantes para "evitar un envellecemento de mala calidade".

Por iso tamén dende institucións como o Concello apóstase por esta estimulación, organizando eventos como a Semana dos Maiores, onde o que se busca "é a participación activa dos maiores e que se relacionen entre si", afirmaba a concelleira Marga Martín. Tamén hai outra realidade. Aínda que aínda non haxa estudos estatísticos, nos colectivos que traballan con maiores detectaron que moitas persoas, tanto as que vivían soas como en residencias, volveron ou iniciaron unha vida coa familia porque a súa pensión é unha entrada segura de diñeiro no fogar e moi necesaria en moitos casos".



Tódolos dereitos reservados Aviso legal - 2018 - info_galisenior@galisenior.es