Inicio

 

19-09-2014 Os Centros de Maiores de Afundación

  • Este mes de setembro, estes espazos reinician os seus servizos e presentan a oferta de actividades para o novo curso que arrancarán en outubro

Os Centros de Maiores da Fundación Galicia Obra Social (Afundación) acaban de reabrir as súas portas e retomar os seus servizos habituais despois do descanso estival. Os servizos de cafetaría, peiteado, ciberaula, biblioteca, podoloxía e psicoloxía dos que dispoñen estes centros están xa dispoñibles para os seus socios. Así mesmo, estes locais ofertan xa as súas actividades para o novo curso 2014-2015, que serán inauguradas en outubro. Os interesados en participar desta oferta de ocio poden dirixirse aos centros das súas cidades para informarse e/ou facer a súa reserva.

As actividades ofertadas nos diferentes centros de maiores de Afundación varían en función da demanda dos seus socios. A entidade galega establece a súa programación en relación coas necesidades e con esa demanda; as clases máis solicitadas son todas aquelas que traballan a saúde e a forma física, seguidas dos idiomas e a formación en novas tecnoloxías. O apartado de viaxes ten tamén unha grande aceptación entre os socios destes centros. Por iso a entidade galega oferta para o novo curso 2014-2015 un completo programa específico e adaptado a cada un dos seus doce centros de maiores. Entre as actividades destacan exercitación da memoria, ximnasia natural, ioga, Pilates, estrés e control da ansiedade, danza, bailes de salón, clases de inglés, francés, alemán e portugués, debuxo artístico, talleres de reciclaxe, etcétera.

Afundación tivo sempre entre as súas prioridades a atención ao colectivo de persoas maiores por medio de programas innovadores e en permanente evolución. Estes desenvólvense nos doce centros da fundación repartidos por toda a xeografía de Galicia, unha comunidade, que presenta un índice de envellecemento cinco puntos por enriba do resto de España. As actuais liñas de traballo da fundación neste campo son o envellecemento activo e a promoción da autonomía persoal a través dunha lista de servizos que se programan dende a propia rede de centros tales como os citados ou ximnasia articular, pintura, teatro, canto, informática, internet xunto con propostas máis ligadas ao benestar como a podoloxía.

No que se refire á investigación e formación xerontolóxica, a entidade promove plans de formación e accións de reciclaxe profesional para garantir a calidade na atención social e sanitaria dos nosos maiores e tamén edita publicacións sobre dependencia, envellecemento activo e estimulación cognitiva. Ao mesmo tempo, a fundación galega traballa realizando un intenso labor de apoio ás iniciativas promovidas polas organizacións públicas e onl, de modo que poidan levar a cabo os seus obxectivos en materia de asistencia sociosanitaria, o que lle permite chegar a todos os cantos da xeografía galega, complementando, así, as iniciativas propias.

Quen desexe facerse socio pode inscribirse en calquera dos centros da comunidade e aboar unha cota anual de 30 euros, ou de 10 euros para aquelas persoas que sexan clientas de Abanca.



Videos relacionados


 

Tódolos dereitos reservados Aviso legal - 2018 - info_galisenior@galisenior.es