Inicio

 

29-04-2016 Galisenior 2016 convoca o 2º Concurso de Cociña Saudable

  • >> Está dirixido a afeccionados/as á cociña maiores de 60 anos. A participación pode ser a título individual ou representando a unha asociación ou colectivo
Expourense, no marco de Galisenior “Salón Internacional das Persoas Maiores”, convoca o II Concurso de Cociña Saudable Galisenior 2016 co obxectivo de promover hábitos de vida saudables e un envellecemento activo. Está dirixido a afeccionados/as á cociña maiores de 60 anos. A participación pode ser a título individual ou representando a unha asociación ou colectivo.

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude dirixíndose a Expourense, no teléfono: 988 36 60 30 ou a través do email marketing@expourense.org, ata as 13.00 horas do mércores 18 de maio 2016. Na solicitude deberán facer constar nome, apelidos, domicilio, teléfono e dirección email do participante, (ou dos que integren o equipo se é de forma colectiva) e a receita do prato que presenten a concurso.

Os pratos a confeccionar serán de libre elección por cada participante e deberán empregar ingredientes saudables (materias primas non elaboradas, produtos frescos, de baixo contido en sal e azucre…).A organización pon a disposición dos concursantes a cociña así como utensilios e materia prima básicos. O resto de ingredientes ou as ferramentas específicas que se requiran deberán aportarlas os participantes.

Unha vez pechado o prazo de recepción das receitas, o xurado seleccionará 6 deelas como finalistas e estas deberán ser elaboradas durante a feira Galisenior. Os pratos finalistas serán cociñados en directo durante a celebración do salón, ante os membros do xurado designados para este concurso. O tempo dispoñible para a execución será de 30 minutos. Poderán traer a materia prima previamente preparada, cortada ou semielaborada. Cada día do evento (25 e 26 de maio) participarán tres finalistas. Entregaranse un premio por día.

O xurado terá en conta para a elaboración dos pratos: presentación, orixinalidade, uso de ingredientes saudables, practicidade na elaboración, receita económica e con ingredientes doadamente localizables, sabor e texturas. O xurado estará composto por membros do Comité Asesor de Galisenior.

Entregaranse unha placa e un diploma a cada un dos finalistas. O premiado de cada día (25 e 26 de maio) obterá un vale para gozar dunha estancia nun balneario ou casa de turismo rural. O fallo do xurado será inapelable e, en caso de que proceda, poderá deixar deserto algún dos premios, así como adoptar as decisións oportunas para o bo desenvolvemento do concurso. 




Tódolos dereitos reservados Aviso legal - 2018 - info_galisenior@galisenior.es