Inicio

 

26-04-2018 As xornadas técnicas de GALISENIOR están abertas aos profesionais que traballan cos nosos maiores 

  • >> O comité asesor do Salón Internacional das Persoas Maiores reuniuse hoxe en Expourense para perfilar o programa desta cita que se celebra os días 9 e 10 de maio

    >> Ademais das conferencias, haberá un programa de actividades dirixidas a fomentar o envellecemento activo e saudable

Ourense, 26/04/2018.- As xornadas técnicas de Galisenior converteranse un ano máis no punto de encontro para os profesionais dos sectores sociosanitario e xerontolóxico de Galicia e do Norte de Portugal e tamén para os coidadores de maiores e dependentes. Nelas abordarase dende distintas perspectivas a situación actual dos maiores na nosa comunidade e contarán coa participación dos colexios profesionais de Psicoloxía, Traballo Social e Educación Social, investigadores das universidades galegas e empresas do sector. Galisenior é a única feira destas características que se celebra no noroeste peninsular e que está especialmente dirixida a un núcleo de poboación que representa o 25% da demografia galega, ás súas familias e aos profesionais que traballan neste sector. 

O programa de actividades da 11ª edición do Salón Internacional das Persoas Maiores, que se celebrará os días 9 e 10 de maio, foi perfilado esta mañá en Expourense durante a segunda reunión do comité asesor no que participaron a técnica de Servizos Sociais do Concello de Ourense, María José Valeiras; o vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Cid; o codirector da Cátedra Cruz Vermella Nacional da USC, José Manuel Mayán;  a vogal do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, Obdulia Pérez; o representante de SECOT España, Ignacio Martín; o responsable de Relacións Institucionais de Caser Resindecial, Jacobo Rubín; a coordinadora das Aulas da Terceira Idade, ATEGAl, María Luisa Justo; a presidenta da Asociación Diabética Auria, Paz Gómez e o coordinador técnico da Federación Galega de Asociacións de Familiares de Enfermos de Alzheimer, FAGAL, Javier Hermida. Tamén asistiron a esta reunión o coordinador do programa universitario de mariores do Campus de Ourense, Alberto Vaquero, quen exercerá de presidente do comité asesor de Galisenior 2018, e os representantes da dirección de Expourense.

Durante esta reunión perfiláronse as mesas de traballo que se van celebrar nesta edición e que xirarán, entre outros, sobre os seguintes temas: “Perspectivas en Galicia para a atención de Demencias Neurodexenerativas”; “A Calidade Asistencial na atención socio-sanitaria”; “O empobrecemento das persoas maiores” ou a mesa que organizará o Grupo de Investigación en Xerontoloxía da Universidade da Coruña no que abordarán o percocrrido dende a investigación á aplicación clínica.

Por outra parte, as actividades dirixidas aos maiores e tamén ás súas familias de Galisenior 2018 promoverán un envellecemento activo e saudable a través do exercizo físico, estimulación da memoria ou traballos manuais. Algunhas das novidades desta edición serán a charla sobre “Cambios na fala, cambios na mente” que vai impartir o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e o obradoiro de “Musicoterapia xerontolóxica” a cargo de Instituto Xerontolóxico Galego e da Cátedra Cruz Vermella da Universidade de Santiago de Compostela.

O programa de actividades pode consultarse a través da web do evento www.galisenior.es. A asistencia e participación nas actividades do salón é gratuíta.




Imágenes asociadas

Tódolos dereitos reservados Aviso legal - 2018 - info_galisenior@galisenior.es